No Día Internacional para a Erradicación da Pobreza seguimos reclamando “Un Vigo comprometido coa cooperación internacional”

A Rede Social Galicia Sur continúa coa campaña que xa apoian máis de 500 sinaturas e 19 organizacións!

O 17 de outubro celébrase o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza e, como todos os anos nesta data, organizacións de todo o mundo esixen aos gobernos que se comprometan a poñer en marcha medidas para acabar coa #desigualdadeobscena.

Queremos aproveitar o momento para continuar loitando por recuperar a  e incidir  sobre os orzamentos municipais para conseguir que se destinen os recursos necesarios para a erradicación da pobreza e da desigualdade. 

Vigo segue a ser unha das cidades de España, na súa franxa de poboación, que menos destina á axuda oficial aos países menos desenvolvidos que, ademais, nos dous últimos orzamentos municipais (2015 e 2016) deixou sen executar as partidas destinadas a proxectos no exterior.

No presente ano 2017, tras a posta en marcha desta campaña de incidencia no pasado mes maio e a menos de catro meses para rematar o ano, o Concello decidiu a última hora conceder 50.000 euros a dous proxectos de axuda humanitaria a Unicef e ACNUR.

En concreto, o Concello destinou 30.000 euros para o proxecto “Acceso ás necesidades básicas esenciais para a poboación desprazada interna en IRAK” de ACNUR e 20.000 euros ao proxecto “Acceso á educación en Siria – Aprender en medio da destrución” de UNICEF.

A medida pode parecer unha boa solución porque con estas cantidades complétase a execución do orzamento aprobado en 2017 para cooperación internacional, cubrindo así unha das demandas iniciais do noso manifesto.

Sen embargo, sen deixar de valorar positivamente estas aportacións, non podemos estar de acordo cunhas concesións realizadas a última hora a través de subvencións nominativas, sen convocatoria pública nin concorrencia competitiva e sen contar coa participación nin a opinión do Consello Municipal de Cooperación.

Vigo merece unha auténtica política pública sobre cooperación ao desenvolvemento. Unha política transparente, previsible, de calidade.

Unha política fundamental para loitar contra a pobreza e as desigualdades!

Apoia o “Manifesto por un Vigo comprometido coa cooperación internacional“. Máis de 500 persoas e 19 entidades xa o fan: 

Amigos da Terra, Cáritas Diocesana Tui-Vigo, Coordinadora Galega de ONGD, Comité Oscar Romero Vigo, ECOAR, Entreculturas Fe y Alegría, Emaús Fundación Social, Fasfi, Fundación Balms para a Infancia, Fundación Juan Soñador, Médicos do Mundo, Oxfam Intermón, Parroquia Cristo de la Victoria, PROCLADE, Semilla para el cambio, Solidariedade Internacional Galicia, REDES – Red Entidades para el Desarrollo Solidario, SOS Racismo Galicia e Taller de Solidaridad.

Apóianos. Defende a cooperación!

Se a vosa organización quere apoialo, envíanos un correo a info@redesocialgaliciasur.org explicando a decisión e inclúe o voso logo para integralo nas comunicacións.
Se es un particular, asina o manifesto en change.org.
Contamos con vos.