Asistimos nas últimas décadas a unha globalización que se ‘vendeu’ -nunca mellor dito- como unha mellora para toda a Humanidade, e que se converteu no que é hoxe: unha xustificación para o libre movemento de capitais e das empresas transnacionais fronte á represión e ás barreiras que se alzan ante millóns de persoas, vítimas inocentes dos estragos dun capitalismo depredador e asasino.
A Unión Europea naceu co compromiso de impulsar os “valores” europeos e de ser o referente en todo o planeta na defensa dos dereitos humanos. Hoxe vivimos tempos de involución nos que o estado español, por desgraza, está a ter un papel protagonista.
A plasmación desa degradación está a amosarse con especial crueza no ámbito dos masivos movementos migratorios, derivados dunha crise sistémica que empuxa ao empobrecemento a comunidades enteiras, moi en particular no continente africano. Na procura dunha vida digna, milleiros de persoas buscan refuxio nunha “Europa fortaleza” pechada en si mesma que ergue barreiras cada vez máis desapiadadas.
En España, que pola súa situación xeográfica ocupa un lugar clave dentro das políticas migratorias europeas, a situación é especialmente sanguenta -palabra que non ten aquí nada de metafórico-: os CIE (centros de internamento de estranxeiros), as devolucións en quente, as concertinas, os voos da vergonza, as identificacións de persoas por características étnico-raciais na procura de ‘sen papeis’, son so algunhas das consecuencias desa violencia institucional contra as persoas migrantes.
Negámonos a permanecer indiferentes, negámonos a ser cómplices, negámonos a mirar cara outro lado.
Esiximos outras políticas, outras miradas, comprometidas coas persoas antes que cos capitais, cos dereitos antes que cos poderes, coa vida digna antes que coa represión xeneralizada!