Abrazemos a gota de leite

TRAS A MORTE DE CINCO PERSOAS NO QUE NO VAI DE ANO NAS RÚAS DE VIGO, A REDE SOCIAL GALICIA SUR CONVOCA UNHA CADEA HUMANA AO REDOR DO EDIFICIO DA GOTA DE LEITE, O VINDEIRO MÉRCORES 18 DE FEBREIRO, ÁS 19 HORAS, PARA ESIXIR ÁS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS A CREACIÓN INMEDIATA DUN ALBERGUE PÚBLICO NA CIDADE.

A cidade de Vigo dispón dunha oportunidade inmellorable para atender a demanda urxente de atención as persoas sen fogar no emprazamento do edificio da Gota de Leite. Dende a Rede Social Galicia Sur consideramos que é a opción máis factible con menor custo e de posta en marcha máis sinxela e rápida, que atenderá con mellor calidade ás necesidades das persoas sen fogar.

A creación do albergue público xa foi aprobado en pleno municipal no ano 2004 e transcorreron case cinco anos e non se puxo en marcha a pesar de que a Xunta anunciou en repetidas ocasións a súa creación. Comprometida finalmente a súa apertura para marzo de 2009, esiximos que, de inmediato, o Albergue sexa un proxecto de cidade independentemente de quen o lidere ou xestione e que non se converta nun expediente administrativo máis.

Na actualidade máis de 300 persoas malviven nas rúas de Vigo. A primeira cidade de Galicia, non pode permitirse que se repita o acontecido nestes meses, no que vai de ano morreron na rúa ao menos cinco dos nosos veciños/as.

Como movemento social non podemos permitir que se siga a negociar coa pobreza.

Por iso convocamos a cidadanía viguesa á construción dunha cadea humana que abrazará o edificio da Gota de Leite como acto simbólico de apoio e reclamación da urxente necesidade de apertura do Albergue Público e Centro de Emerxencia Social na cidade de Vigo.

SÚMATE , PÁSAO….É COUSA DE TODOS/AS

Mércores 18 de febreiro as 19:00 horas

Na entrada principal da “Gota de Leite”. Ronda de Don Bosco, nº 1

Carta aberta ao alcalde de Vigo

Sr. Caballero, lembrámoslle que no ano 2004 aprobouse nun pleno a creación dun albergue público.

Transcorreron case cinco anos e o Concello non o puxo en marcha. A Xunta anunciou en repetidas ocasións dende o ano 2007 a vindeira apertura deste centro. E finalmente, aínda que con moito atraso, vai a ser unha realidade xa. Comprometeron a apertura dunha primeira fase de servizos para marzo 2009 e o resto para o segundo semestre deste ano.

As Asociacións e ONGués abaixo asinantes non queremos entrar no xogo político que non beneficia nin dá resposta ás persoas que seguen morrendo e malvivindo nas rúas da nosa cidade. Esiximos que de inmediato o Albergue sexa un proxecto de cidade independentemente de quen o lidere ou xestione e que, polo tanto, o Concello facilite e axilice todo o relacionado coa tramitación administrativa correspondente e que este proxecto non se converta nun expediente administrativo máis e se utilice como arma política.

Unha cidade coma Vigo, a primeira cidade de Galicia, non pode permitirse que se repita o acontecido na última semana, na que morreron na rúa a lo menos tres dos nosos veciños. Como movemento social non podemos permitir que se siga a negociar coa pobreza.

Cando vostede manifesta aos medios de comunicación que “o edificio da antiga Escola de Hostalería, adaptaríase hoxe mesmo para albergue pois está recentemente reformado” non está tendo en conta que todos os servizos prometidos e necesarios, entre outros: albergue, comedor, centro de día, centro de acollida nocturna, non teñen cabida posible nese espazo e as actuais instalacións non serven. Con independencia de que calquera adaptación deste edificio retrasaría a lo menos entre un e dous anos a posta en marcha do servizo ademais do malgasto de diñeiro público feito na última reforma.

A cidade de Vigo dispón dunha oportunidade inmellorable para atender esta demanda urxente no emprazamento do edificio do antigo Fogar San Paio pola súa capacidade, polo espazo dispoñible, pola proximidade aos recursos normalizados, por ubicación e polas súas instalacións, que ademais conta cun espazo aberto adicional moi propicio. Consideramos que é a opción máis factible e de posta en marcha máis sinxela e rápida, que atenderá con mellor calidade ás urxentes necesidades das persoas sen fogar.

Somos moitas as persoas e colectivos que esiximos e reclamamos que a cidade Vigo cumpra e dea resposta aos dereitos básicos das persoas máis vulnerables, aquelas que non teñen capacidade de comunicarse, de ser recibicidas e, tristemente, bastantes delas falecidas na rúa nestes últimos anos. Seguiremos moi de preto o proceso de creación deste Centro, e non renunciamos, se chega o caso, á posibilidade de iniciar accións e esixir responsabilidades penais aos nosos mandatarios.

Sr. Alcalde, o destino dos inmediatos investimentos do Concello, 52 millóns de euros, propiciadas polo impulso do goberno central, vanse a destinar á humanización de diversas rúas de Vigo. Sr. Caballero, apelamos a que se deteña un momento a reflexionar e pense que na pretensión de “humanizar” non hai que esquecerse do SER HUMANO.

Non máis dilacións. Albergue público XA

Negociar coa pobreza. A “zancadilla” do Sr. Caballero

As Asociacións e Ongués abaixo asinantes queremos manifestarlle que:

É indignante esta situación. En Vigo estase producindo un novo paradoxo, neste caso dramático e inadmisible.

É unha vergoña o espectáculo de utilizar as “ofertas de investimentos” de distintas institucións e de diferente cor política, co fin de dinamitar ou deixar en ridículo ao adversario político, tanto a nivel partidario como institucional. Agora únese a esta farándula, inaceptable para os cidadáns, o Alcalde, Sr. Caballero.

Sí, vostede, o Sr. Alcalde da cidade de Vigo, ten unha ocorrencia. O edificio elixido, proxectado e coas obras xa adxudicadas, para albergue, gústalle para usos municipais…e pretende que novamente se dilate no tempo a posible -¿ou imposible?- apertura dun albergue que atenda ao colectivo de persoas sen teito existentes nesta cidade, achegando como solución un intercambio de propiedades, sen importarlle o atraso nin as súas consecuencias.

Non, non pode estar ocorrendo isto desde un teórico goberno de esquerdas. Negociar coa pobreza, é o último que nos quedaba por ver aos que utópicamente pensamos e loitamos para que outro mundo sexa posible.

Desde fai anos vimos reivindicando, por parte de diversos colectivos sociais e Onegués, a urxente apertura deste tipo de instalación. A Xunta do PP pouco ou nada fixo para sacalo adiante e o actual goberno camiñou lento, para cumprir a súa promesa, pero polo menos camiñou.

Agora, cando finalmente, desde a Vicepresidencia da Xunta, comunican que xa se salvaron os escollos administrativos, normativos, operativos, etc., etc., -dos que non son culpables as persoas sen teito que durante este tempo teñen enfermado ou falecido- e por fin dase a boa nova de que en marzo 2009 estaría operativo o albergue no edificio do antigo Fogar San Pelaio …, Pois non!!, Nada diso!!, logo de todo o tempo transcorrido con xestións, contactos, fracasos, compadreos, acertos, etc… , aparece a “zancadilla”.

Sí, a “zancadilla”, porque esperar a que todo estea en marcha e solucionado, só pendente da licenza municipal de obras, e nese momento desde a Alcaldía de Vigo realizar unha proposta “bonita, con arquitecto internacional, que nos situaría na vangarda,…” e non sabemos outros posibles argumentos máis…, ademais, así aproveitar para afastar a pobreza da contorna do edificio do Concello… , iso, en linguaxe do pobo, é unha “zancadilla” que fai que o outro titubee e dea traspés.

Sr. Vicepresidente da Xunta, os cidadáns esperamos que non negocien coa pobreza e manteña a súa postura de non entregar o edificio do Fogar San Pelaio e dilatar no tempo o xa solucionado. Sería a última “pinga de leite” para que a xente continúe durmindo na rúa, enfermando e nalgúns casos falecendo.

Se isto ocorrese, a partir de Marzo 2009 algúns cidadáns plantexaríamonos esixir responsabilidades penais aos nosos mandatarios, e asegurámoslles que isto non é unha “zancadilla”.

Remítese copia deste escrito ao Valedor do Pobo e medios de comunicación.