As organizacións que formamos a Rede Social Galicia Sur e que apoiamos este manifesto somos:
Amarante, Aida, Axuda en Acción, Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, Comité Oscar Romero, Dar Máis, Educación Sen fronteiras, Emaús Fundación Social, Entreculturas, Enxeñería sen fronteiras, Fundación Balms, Fundación Proclade, Fundación Secretariado Xitano, Grupo VIH/SIDA e adiccións “O Imán”- Sereos, Implicad@s no desenvolvemento, Intermón Oxfam, Jóvenes en favor del Tercer Mundo, Médicos do Mundo, MunDos Cooperativa de Comercio Xusto, Seminario Galego de Educación para a Paz, Solidariedade Internacional, Solidarios para o desenvolvemento, Taller de Solidariedade e Verdegaia.
Na actualidade máis de 300 persoas malviven nas rúas de Vigo. Aquí e agora, na cidade que se dá en chamar “o motor económico da Galiza”, onde as institucións asignan presupostos multimillonarios para intervencións urbanísticas moi complexas e custosas. Tras debates, dúbidas, aprazamentos, a posta en marcha do tan necesario albergue de titularidade pública na nosa cidade está en proceso de apertura. É necesaria e urxente unha resposta axeitada ás necesidades das persoas que viven sen teito.
As continuas mortes na rúa, cinco personas faleceron no que vai de ano, así como a crecente mobilización cidadá reclamando ás institucións competentes unha resposta, contribuíron a recente posta en marcha por parte do Concello de Vigo, dun dispositivo de emerxencia contra o frío de carácter temporal (ata o 15 de marzo). Isto non deixa sen efecto a necesidade, real e urxente, de dispor dun albergue público de carácter permanente, os 365 días do ano.
É por iso que hoxe aquí nos convocamos ao redor do emblemático edificio da “Gota de Leite” para formar esta cadea humana en torno a decisión da Vicepresidencia da Xunta de Galicia de ubicar neste emprazamento o futuro Albergue Público e Centro de Emerxencia Social. A cidade de Vigo dispón dunha oportunidade inmellorable para atender esta demanda histórica e urxente neste lugar: pola súa capacidade, polo espazo dispoñible, pola proximidade aos recursos normalizados, por ubicación e polas súas instalacións. Dende a Rede Social Galicia Sur consideramos que o proxecto que se pretende ubicar neste edificio é a opción máis factible, con menor custo e de posta en marcha máis sinxela e rápida, que atenderá con mellor calidade ás necesidades das persoas que se atopan sen fogar.
Ante isto reclamamos que:
- A este proxecto non se lle poñan máis trabas administrativas porque non podemos permitir que se siga a negociar coa pobreza
- Que a reforma do edificio da “Gota de Leite” se converta nun proxecto de cidade independentemente de quen o lidere ou xestione, que sexa unha obra prioritaria e urxente e que, para iso, conte con suficientes orzamentos.
- Que non se continúe con esta dinámica de facelo por fases, que sexa un centro de calidade e axeitado ás necesidades reais, sendo a creación do servizo de camas unha prioridade, a máis urxente.
A situación das persoas que se atopan sen fogar foi durante moitos anos invisible. Hoxe aquí facemos nosas estas necesidades e comprometémonos na loita para que ningún ser humano viva sen teito nesta cidade.
¡Solución XA para as persoas sen fogar!