Antecedentes

Desde 2007 o Concello de Vigo gastou, de media, en torno aos 90.000 € anuais en cooperación internacional (AOD, Axuda Oficial ao Desenvolvemento), dos cales, uns 60.000 eran destinados a proxectos no exterior a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade do que Isaura Abelairas, Concelleira de Política Social, foi vicepresidenta en 2015.

O Concello abandona o Fondo Galego de Cooperación en outubro de 2015, dunha forma unilateral e extemporánea, deixando sen financiamento os proxectos en marcha e ignorando por completo ás entidades viguesas que viñan participando no Consello Municipal de Cooperación Internacional e Solidariedade.

No 2016, logo da presión das entidades do Consello Municipal, o orzamento para cooperación internacional mantense e as ONG participan xunto coa Concellería de Política Social nunha proposta que substitúa e mellore a política de cooperación municipal coa elaboración das bases para unha convocatoria pública de subvencións para proxectos de cooperación internacional.

As bases acordadas polas entidades e a Concellería pasaron todos os trámites administrativos para a súa aprobación definitiva na Xunta de Goberno Local mais, por dúas ocasións, foi bloqueada nese último trámite.

Ante a inacción do Concello, de novo, na execución dos fondos aprobados para AOD, as entidades do Consello Municipal de Cooperación solicitan ata en tres ocasións reunirse co Alcalde de Vigo, peticións que non foron atendidas.

Actualmente, o orzamento para AOD en 2017 dispón de 45.000 € para proxectos de cooperación no exterior que, no caso de non aprobarse a tempo unha convocatoria de subvencións, non poderán executarse.

Consecuencias:

– A desaparición da cooperación como política pública no Concello de Vigo
– O incumprimento dos compromisos por parte do Concello (que non executa o orzamento)
– O desprezo polo traballo e participación das ONG de Vigo (ignorando as propostas do Consello Municipal de Cooperación e non recibindo ás entidades)